10.4.13

"O derradeiro irmán"


A autora, Nathacha Appanah, cóntanos esta conmovedora histora a través das sinxelas e inocentes palabras do seu protagonista, Raj, un neno de familia humilde que vive en tempos de guerra. 

 A novela comeza con Raj, un home maior que esperta dun sono que lle devolve ao pasado, a unha infancia chea de recordos; recordos dos seus pais, dos seus irmáns e de David.

Pouco despois de empezar coa historia xa sucede a primeira traxedia que leva á familia de Raj a vivir ao lado dunha prisión, onde o pai traballará. Raj e David nada máis verse, sen coñecerse sequera, comparten un momento de complicidade e apoio mutuo que os converte enseguida en amigos.

Este libro aborda temas como a vida durante o holocausto, o maltrato doméstico, a pérdida do ser querido, o descoñecemento do mundo e da inxustiza, o instinto de supervivencia, o complexo de culpa e de inferioridade...

A historia tampouco faise pesada, ao contrario, é moi lixeira xa que “nola conta” un neno de dez anos dende o seu punto de vista inocente e alleo a todo, pero tamén o mesmo neno recordando o que viviu neses anos e demostrando como despois de tanto tempo aínda segue marcado polos acontecementos.

Como di na súa contraportada “Unha novela conmovedora, que posúe a sonoridade dunha canción triste, onde cada frase pode chegar a emocionar”, e acerta de cheo porque emociona de principio a fin, a autora consegue acadar a empatía do lector dunha maneira incrible, con descripcións realmente expresivas que che encollen o corazón.

Tamén paréceme importante que este tipo de libros, que se pode ler dende unha idade moi temprana, estean en circulación por así decilo, xa que polo menos na miña opinión nunca se deberían esquecer os tempos do réxime nazi que se levaron por diante a máis de seis millóns de vidas. É un libro sinxelo, entretido e que invita á reflexión, recoméndoo totalmente.