27.4.13

Lluís Llach. Voz de loita


Aos dezanove anos faise membro do grupo de cantantes cataláns "Els Setze Jutges", que naceu co obxectivo de normalizar o emprego do catalán no mundo da música moderna e para reivindicar a cultura catalá durante os anos da ditadura franquista.

Dende a década dos sesenta, compón cancións que se converten en himnos de loita antifascista en toda España, cancións como "Cal que neixin flors a cada instant", "La gallineta" e "L'Estaca". Desta última fixéronse traduccións a varios idiomas para ser cantada en actos reivindicativos o de loita.

En varios dos seus concertos foi detido e obrigado a non acabar o seu concerto. En mitade dun concerto foi sacado do escenario pola policía, e despois de vinte minutos de aplausos do público que esperaba a que o cantautor volvera para seguir coa actuación, éste tivo que dicir que non podía cantar máis. Noutra ocasión, interrumpíronlle outra vez en medio dun acto, onde o detiveron mentres o público coreaba "L'Estaca".

Prohibíuselle seguir cos recitais, puxéronlle unha multa de 100 000 pesetas e durante anos foron prohibidas tódalas súas actuacións en España. Así foi como comezou a actuar en Londres, Venezuela, Alemaña e París. Á morte de Franco volveu á súa terra natal e seguiu coa súa carreira artística despois de varios anos de prohibición.