13.2.13

Remata o entroido!

Micaela, Buño
Por tradición, máis non é así en todas partes, o mércores de cinza ten lugar o “Enterro da Sardiña” ou do Entroido. Este faise pola tardiña, aínda que tamén pode celebrarse o martes e mesmo o domingo seguinte, coñecido como Domingo de Piñata. Con el remata o Entroido e indícanos a coresma que vai entrar.

Hai poboacións onde o primeiro día penduran un boneco grande de palla dunha árbore, ventá ou balcón , que ven ser o Meco; un personaxe misterioso e lexendario. Así bota ata o derradeiro día de festa no que é levado en procesión, acabando por ser queimado, tirado a un río ou enterrado.

Faustino, Malpica
No meu pobo, Malpica, lévano en procesión ata unha praza onde os seus acompañantes danlle o seu  último adeus con discursos burlescos, antes de ser levado ao porto onde será queimado. Por suposto neste acto non faltan os cregos, as autoridades e as choronas. A sardiña ou o Entroido, que neste caso chámase Faustino, vai dentro dun cadaleito e os demais detrás.

Nos arredores do pobo hai moita tradición e salientan os de Cerqueda (Madamitos), Buño (Micaela, Farruco), Barizo (Xogo dos Bois), recuperado hai pouco tempo, xa que é un xogo moi antigo e trata das pelexas veciñais pola posesión das terras.

Recoméndovos asistir a este acto xa que é unha tradición antiga e nos pobos  celébrase con moito entusiasmo. Garantízovos que durante a cerimonia pasaredes un bo rato rindo.