19.3.13

VELAÍ VAI UNs SONETiños



NEGACIÓN DE ULISES E TESEO
Se algunha vez tiveses que agardar entre fío
e tecidos, non sexas Penélope que tece
e destece os bordados axiña que anoitece.
Ulises non existe, foi verso fuxidío.

Se algunha vez tiveses que agardar entre fío
e tecidos, non sexas Ariadna que ofrece
saír do labirinto mortal a quen a esquece.
Teseo non existe, só queda o desafío.

Se algunha vez eu debo partir como Odiseo
prefiro voltar sempre vencido a Compostela.
Non me importa a derrota se ti me identificas.

Se algunha vez eu debo marchar como Teseo
non ha ser Artemisa fluxo do meu Sarela.
Non me importa ser lama se ti me purificas.


Miro Villar, Equinoccio de primavera, 1998





Chamo á porta do amor na noite escura
e está o teu corazón coa luz prendida,
a túa man socórreme a ferida
e cúrame o teu labio a desventura. 
A auga que me dás tan fresca e pura
é da fonte limpísima da vida:
mel da túa roseira florecida
entre as coxas, as sedas, a espesura... 
E xa por sempre irei de ti cautivo
pois dasme a vida e dasme a sepultura
dun amor imposíbel e furtivo. 
Como me doe a túa fermosura,
da que devezo e ando fuxitivo,
pois sei que o mal que teño non ten cura!
Avilés de Taramancos .As torres no ar,1989.





Cando setenta invernos na túa frente
caven fondos agravios e regañas,
cando leves escrita polas cañas
a traxedia do tempo displicente;

cando o curso dos anos che amolente
a preciosa dureza das entrañas,
cando mesmo calvexen as marañas
que son coroa ó monte máis ardente;

cando a morte se pouse nos teus ombros
e todo sexa un resoar de escombros
e ruína certísima da rosa,

se eu sigo por aquén, amarei tanto
a túa decadencia, o teu quebranto,
que has de morrer pensándote fermosa.
reminiscencia do soneto II de Shakespeare




Bendito sexa o ano, o mes. o día
que te encontrei no medio do camiño
e andabas escollendo a flor do espiño
sen te mancar na espiña que fería;

bendita sexa a hora en que eu prendía
no teu claro mirar de trigo e liño
e o instante en que probei o manseliño
mel da palabra túa de amavía:

bendito sexa o intre e o segundo
en que determinei ser teu amigo
e camiñar contigo polo mundo.

bendito sexa o porto e a cidade
onde embarquei pra navegar contigo
nun navío de amor e de saudade.