20.5.13

MAIO


Maio é o quinto mes do ano, ten 31 días. Os romanos chamábanlle maius e o nome parece que provén da deusa romana Maia ( nai de Mercurio). Por representar o triunfo da vexetación, leva o sobrenome de mes das flores; tamén ten o nome relixioso de mes de María. Ademais, maio é un mes moi importante por distintos motivos:

Celebramos que remata o inverno e que renace o mundo vexetal e animal: flores, fiúncho, laranxas, ovos... son os principais ingredientes dos "Maios". Os "maios figurativos" foron pensados para invocar o crecemento das plantas cultivadas e para protexelas de posibles ameazas naturais ou sobrenaturais.

A vexetación sae á rúa en forma de "maio" unha construción de diferentes formas, o máis común é unha figura cónica ou piramidal con estructura de paus e recuberta de follas , flores e outros adobíos transportable grazas ás andas que lle son acopladas polos mozos , que a acompañan cantando coplas que varían de ano en ano. Estas coplas as máis das veces conteñen críticas sociais; outras ridiculizan a personaxes. Pero todas elas na súa meirande parte parecen seguir un esquema tradicional onde sempre afloran alusións ó mes de Maio. Xa Curros cantou un maio triste e vindicativo, denunciador de opresións.


Aquí vén o maio de frores cuberto... […]

Queredes castañas dos meus castiñeiros?...

 Cantádeme un maio sin bruxas nin demos:
 un maio sin segas, usuras nin preitos,
 sin quintas, nin portas, nin foros, nin cregos.

Celebramos o Día das Letras Galegas adicado a unha figura significativa das letras galegas. O Día das Letras é unha data consagrada á exaltación e promoción da nosa literatura e da nosa lingua arredor da cal se celebran no noso país, e no estranxeiro, numerosas producións e eventos culturais de homenaxe á figura escollida, que nesta ocasión é un home de teatro: Roberto Vidal Bolaño.
 Para o refraneiro é un mes moi apreciado: " Ben veñas maio, o mellor mes de todo o ano", "Maio maial, se vén como debe, non ten rival", "Maio maiolo, oxalá durarás o ano todo", "O mes de maio, pasa coma un raio”.Disfrutemos de maio, pois, con optimismo, aínda que o tempo meteorolóxico non nolo permita e cumpra aquilo de “En maio aínda a vella queima o tallo” ou “Ata o corenta de maio non quites o saio, e se volve chover, vólveo poñer”. Quedaremos co consolo que nos promete “Maio vén chuvioso, verán caloroso”. 

Se queres saber máis de refráns, preme aquí