20.5.13

LETRAS GALEGAS 2013




Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950 – 2002) é unha figura imprescindible do Teatro Galego e, xa que logo, do noso sistema literario. A produción literaria de Vidal Bolaño foi constante e converteuse no dramaturgo máis prolixo da historia da nosa literatura; mais non é só a cantidade da súa obra a razón da súa importancia, senón as múltiples calidades que os seus textos achegan durante toda a súa actividade.A produción de Roberto Vidal Bolaño caracterízase por un compromiso coa lingua galega, pois estamos ante un autor radicalmente monolingüe, que contribuíu á definitiva instalación do teatro galego na nosa lingua.
Ademais, hai na súa obra un compromiso estético. Todos os estudosos coinciden en salientar a súa constante preocupación pola experimentación, por dialogar coa tradición culta e popular, literaria e histórica, social e política. RVB non é só un autor imprescindible para o noso sistema literario, senón que é considerado un dos dramaturgos europeos máis importantes do último cuarto do século XX.Foi un profesional que viviu sempre apegado aos escenarios, traballando en case todos os ámbitos da produción teatral, desde a dirección á iluminación: foi tamén un excelente actor e un dos pioneiros da produción audiovisual en Galicia; o seu traballo como director e como guionista deixou trazadas unhas liñas para o desenvolvemento dun campo audiovisual galego que se expresase na lingua propia e dialogase co resto dos nosos campos culturais.                                                                                                             
Pero, por enriba de todo, RVB foi un extraordinario escritor. Fixo literatura dramática a consciencia, con vontade de intervir no sistema literario galego, de dialogar con outras obras e autores, de apoiarse nos nosos clásicos (como Rosalía, Otero Pedrayo ou Cunqueiro, por exemplo) e na obra dos seus contemporáneos. Súa foi a translación aos escenarios do Percival deMéndez Ferrín, por exemplo, ou do Xelmírezde Cortezón ou da Rosalía de Otero Pedrayo. Era un escritor consciente da pertenza da súa obra a un sistema literario rico e dinámico, en constante desenvolvemento.