Vidal Bolaño sitúa no Camiño de Compostela un home e unha muller, protagonistas sen nome de Días sen gloria: EL, un vello gallofo, e ELA, unha pobre rameira, nos que concorren todas as virtudes e miserias humanas.
Ela debe atopar a un cabaleiro que a enganou por non pagarlle os seus servizos amatorios durante dúas semanas. A pousadeira así llo lembra: ou lle dá os cartos ou non volverá ver a súa filla. Para conseguilo ten que se embarcar na difícil aventura de facer o Camiño Francés a Santiago de Compostela, pois é a ruta que segue o seu perseguido. Sabe que non poderá acadar o seu obxectivo soa, polo que para conseguilo fai tratos con El, dedicado a camiñar á cidade do Apóstolo durante anos e, polo tanto, sabedor dos atallos, recunchos e perigos que ten a viaxe.
Tras unha primeira contraposición e cartos por medio, acepta o reto de facer o camiño coa moza. Entre ambos mediará a forza da desconfianza, acompañada con segredos que se irá vencendo co paso da camiñada. Sairanlles no percorrido cegos, tolos, esmolantes, prostitutas e predicadores; pero o verdadeiro perigo constituirano o cabaleiro e o seu círculo.
Unha das esceas de "Días sen Gloria" |
Mentres, eles, a soas coa utopía de poder vencer ao destino, irán cambiando a súa relación de incomodidade por unha sorte de atracción e compañeirismo derivada da consciencia de que os dous teñen máis cousas que compartir que das que se diferenciar. A pesar de esto, nin o un nin o outro renunciarán ás súas conviccións, amosándonos un final pouco impactante.