10.4.13
Entrevista!
Mercedes Queixas Zas (A Coruña, 1968) é unha muller pragmática e resolutiva. Dilixente ata o extremo de combinar á perfección as facetas de profesora, escritora, secretaria xeral da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e dinamizadora cultural. Entrecruza as mans con elegancia e responde a todas as preguntas sen perder o sorriso optimista con que agasalla ás persoas con quen comparte «soles, ventos, treboadas, reloxos de area e vogais abertas e pechadas». O resto non lle interesa e aprendeu a ignoralo hai tempo, recoñece.
-É vostede coruñesa de nacemento, mais bergantiñá de corazón.
-Si, eu nacín na Coruña mais son filla de persoas de aldea que a finais dos 60 viñeron á cidade na procura dun mundo que presumían mellor, sobre todo para os seus fillos.
-¿Viviu desde cedo o contraste entre o mundo rural e mais o urbano?
-Desde logo, para min a aldea representaba a liberdade mentres que a vida na cidade era a disciplina, a rixidez, o deber escolar e familiar. Ademais, tiven que coidar dos meus irmáns desde cedo porque miña nai traballaba no negocio familiar.
-Fala vostede dun «rural útil, vivo e necesario para as persoas que o traballaban, que iniciaban e remataba nel o ciclo vital». ¿Que lembra dese mundo?
-Por exemplo, a imaxe da miña bisavoa sentada na parrumeira bebendo macela. Fervíaa a primeira hora da mañá para que fose amornando ao longo do día e xa non bebía outra cousa. Ou tamén dun outro bisavó a pasear entre os castelos de madeira da fábrica que chegou a posuír.
-Mais vostede pertence a unha outra xeración con novas inquedanzas. Non en van nace nun ano «revolucionario» como é o 1968. ¿Coida que isto posúe algún significado?
-[risas]-Na vida dunha persoa van sucedendo cousas que probablemete a vaian orientando. Eu non sei moi ben o que é o destino, mais logo decátaste de que hai elementos biográficos que parecían inocentes e que, porén, van tecendo unha confabulación e dirixíndote cara a unha ideoloxía, unha profesión ou unha actitude perante a vida.
-Unha actitude que ten a ver coa defensa do galego, unha causa en que milita desde ben nova. ¿Cal é a súa diagnose do momento que vivimos?
-Hai situacións un pouco violentas e grotescas que parecen doutra época; é máis, creo que hai anos non se producían e agora si.
-¿Por exemplo?
-Hai xa tempo na Coruña unha filla miña faloume nun parque en galego e outra cativa que estaba ao carón espantouse e berroulle á súa nai: «¡Mamá, es gallega!».