ARGUMENTO
No día despois da gran deflagración, non hai argumentos posibles, só quedan anacos. Anacos de distintos seres, anacos de memoria do que fomos, refugallos industriais e domésticos, imaxes rotas, conversas interrompidas, interferencias, enerxías cruzadas... Como recompoñer o que destruimos?
A terra, ese personaxe ao que o protagonista chama “magmá”, expulsa, no alto dun cráter, un novo ser, un monstro reciclado, animal... vexetal... metal?
A criatura asomará progresivamente a cada acometida do parto, Incúbase nun espazo desolado, nun ritmo trepidante... Entre os anacos dos que está feito Nonhé (o non nacido), as partes animais queren nacer de novo, pero a parte máis racional loita por volver ao útero materno, non quere volver a “este escenario de dementes”. O “ser ou non ser” é o dilema sobre o que xira este diálogo delirante coa natureza.
LER +