Prezados Reis Magos:Teño demasiados xogos para min soa, así que este ano pido como agasallo de Reis unha artesa e unha saca chea de globos. Xa sei que non veñen nos catálogos, mais confío na vosa astucia para os conseguirdes.
Gustaría de compartir os agasallos cos nenos e nenas que viven preto de min, así que encherei a artesa coas miñas palabras favoritas: lambetada, azucre, soño, xolda, arroaz, estrela, marmelo, cantiga, debuxo, laranxa, queixo, sorriso e brincadeira, para despois introducilas nos globos de cores.
Durante a mañá do Día de Reis, cando os nenos e as nenas anden a pasear, ceibareinos cara ao ceo e, ao estalaren, inzarán as rúas de palabras-agasallo para as descubriren.